2011

Declaración Institucional do Pleno da Corporación- 25 de novembro

Novembro 28, 2011

Na sesión ordinaria do día 19 de outubro de 2011, o Consello Municipal da Muller acordou designar a Dona Ángeles Arias Miño, representante da secretaría da muller de UGT, e membra do Consello Municipal da Muller, para a elaboración desta proposta e posterior lectura perante o Pleno da Corporación na sesión que terá lugar o 28 de novembro de 2011.
“Declaración Institucional co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres”. 
“O machismo mata”
As mulleres que formamos parte do consello municipal somos conscientes de que a nosa loita en defensa do longo camiño pola igualdade está costándonos un alto prezo. Pertencemos a diferentes organismos, asociacións e profesións e temos diversidade de opinións, mais caracterizámonos pola nosa capacidade de diálogo e traballo en prol da igualdade.
O movemento feminista na nosa cidade é un claro exemplo para o resto da Comunidade Galega; somos pioneiras na reivindicación dos dereitos das mulleres. Preocúpanos a todas e ocúpanos a manifestación máis grave da desigualdade que é a violencia machista.
Desde o ano 2003 as estatísticas dinnos que xa van máis de seiscentas mulleres asasinadas, todas elas vítimas do terrorismo machista.
Por estas datas, todos os anos conmemoramos o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
É certo que se aprobaron no noso país leis moi importantes para avanzar no eido da igualdade: a lei contra a violencia machista, a lei de igualdade entre mulleres e homes, a lei do dereito o aborto… Saltos cualitativos pero insuficientes.
Moi ao noso pesar seguimos tendo discriminacións por razóns de xénero no ámbito laboral, social, económico e político. As mulleres concienciadas do noso papel na sociedade, preguntámonos por que temos que pagar tan alto prezo para gozar da nosa independencia, por querer ser donas dos nosos proxectos de vida, por participar activamente na vida social e política, por querer ser visibles.
A violencia de xénero segue a ser o maior obstáculo para a igualdade. Os agresores teñen un obxectivo claro: conseguen destruír, atemorizar, paralizar. Preguntámonos que é o que a sociedade está a facer mal para que siga habendo tantas vítimas.
Desde o Consello Municipal da Muller formulamos o seguinte:
-Que non nos basta un minuto de silencio cada vez que hai unha vítima da violencia de xénero.
-Que as administracións se comprometan na prioridade da atención ás necesidades das mulleres que sofren maltrato, discriminación, desigualdade na sociedade e de forma continuada.
-Que as administracións traballen en colaboración, en equipo e democraticamente, tendo como colaboradora á sociedade implicada na problemática da violencia machista: asociacións e organismos.
-Que as administracións lles esixan a formación necesaria a aquelas persoas que teñan que atender as vítimas: sanidade, xustiza, benestar social, educación.
-Que as administracións melloren os mecanismos de coordinación entre xulgados, policía, servizos sociais.
-Que os medios de comunicación se impliquen no tratamento axeitado da información sobre a violencia, evitando valoracións subxectivas, frases feitas, opinións de persoas alleas.
-Que todas e todos utilicen a linguaxe de forma rigorosa para visibilizar a problemática da violencia machista.
Solicitámoslle ao Concello de Vigo:
1.- Que achegue os medios humanos, os recursos económicos e materiais necesarios para facer políticas de igualdade.
2.- O compromiso prioritario de traballar na prevención do maltrato, da discriminación e da violencia.
3.- O recoñecemento do traballo feito polas diferentes organizacións feministas ao longo destes anos, levantando a súa voz, e tratando de facer visible este terrorismo que tanto nos afecta como persoas.”


Source: 2011-2013

You Might Also Like

No Comments

Leave a Reply