2011

Vida

Novembro 25, 2011


Colaboración da escritora Marga do Val (Texto lido o 25 de novembro do 2009 na Praza do Concello do Porriño contra a violencia de xénero).
Xa hai unhas cantas noites que Vida non dorme. Noites de sete meses e de non durmir por que o amor tira o sono aínda que nos faga soñar espertas. Esta noite é outra e o seu non durmir é outro. Vida lembra a súa vida, a vida que lle contaron, pouco é o que se debe lembrar cando só se teñen 16 anos. Vida é capaz de imaxinar a face da súa nai cando soubo que estaba preñada, de tantas veces que llo contou desde pequena, imaxinar a felicidade cando soubo que ía ter unha nena e a felicidade aínda maior cando a adormeceu contra o seu corazón por vez primeira e, como nese instante, Rebeldía decidiu chamala Vida. Vida pensa en Rebeldía e en todo o que dela aprendeu e, sen querer, ensaríllase na historia de Rebeldía, a súa nai, e na historia de Resignación, a súa avoa. Véñenlle lembranzas de cousas que ela non viviu, que non puido vivir pero que leva coma tatuaxes na pel. Só hoxe neste non durmir diferente lle veñen estas lembranzas. Resignación dicíndolle a Rebeldía, que non o saiba teu pai, anda con ollo. Resignación dicíndolle a Rebeldía, cala, non protestes, non me podo queixar que hai outros peores, el é bo, hai que sabelo levar. Rebeldía fuxindo da oficina do amigo do seu pai, á quen lle leva a contabilidade polas tardes, mentres estuda polas mañás dereito. Rebeldía baixando a correr as escaleiras desde un cuarto piso sen ascensor para non volver e deixar alí para sempre a súa roupa e os seus libros, aquela cadea co C de Consuelo que a súa avoa lle dera cando marchaba da casa para estudar en Compostela, o C de Consuelo enriba das follas abertas do Manifesto Comunista, ela que andaba en volta na lectura daquel libriño pequeno que aínda lle abrira máis os ollos: Que fai o poder no teu leito?. Rebeldía que protesta por traballar, se cadra, máis horas ca Modesto e cobrar menos ca el, naquel bufete do avogado progre que defendía aos insubmisos. Rebeldía que a leva a escola que a recolle pola tarde, que lle paga as clases de ballet que ela nunca puido ter. Resignación que lle fai vestidos con bordados de niño de abella e Rebeldía que só a leva a festa da parroquia despois da misa, para que ande nas barcas e mais nada. Vida que aprende que o máis importante para a muller vai ser a independencia económica, para iso cómpre estudar, prepararse, como lle dixo sempre a súa nai, aprender a valerse sen depender de ninguén, como lle di Resignación, ser dona do que é dunha, non coma antes. E é que Vida, nunca pensara até esta noite, o que debeu de ser antes. Non pode imaxinar, ela criada por unha nai solteira, que quixo ter unha filla, non pode pensar que as mulleres tivesen que pedir permiso para todo, ou aos pais ou aos maridos, até para teren unha conta no banco, nin sequera pode imaxinar as cafeterías sen mulleres, as gasolineiras sen mulleres e o seu instituto sen alumnas.

Hai sete meses que non dorme, comezou a saír con aquel rapaz, que coñece desde nena e que, hai sete meses lle fixo caso. Algo se lle meteu na boca do estómago que a ilusionaba, foi cando comezou a vestirse para el, pensando no que a el lle gustaba, a súa nai que non era muda, notou o cambio e díxollo. O malo non era ese desexo de que as horas pasaran para estar con el, con aqueles bicos que lle prendían o corpo e a facían feliz, o malo foi cando el comezou a ir ao seu, sen lle importar o seu desexo, sen pensar no que a ela lle gustaba. Sen se dar conta só saía con el, sen se dar conta el líalle as súas mensaxes no móbil, sen se dar conta, el preguntáballe sempre onde estivera, sen se dar conta aprendeu outras cantigas que viñan de vello. O amor sen celos non é amor e lembrou moitos dos boleros e tangos da súa avoa Resignación. E así foi como Vida desde hai catro meses comezou a temer das palabras do seu mozo Medo, a temer as súas ameazas de matarse se ela o deixaba. Moito chorou a noite que Medo a levou ao alto da Risca e a deixou alí, sen móbil, despois de discutiren. Moito chora agora mentres preme na man aquel libro que lle regalou a súa nai polos seus quince anos, mentres dicía, xa está un pouco pasado pero eu quéroo coma un talismán. Que fai o poder no teu leito?

Aperta o libro por vez primeira contra o seu corazón e lembra que se chama Vida e que cómpre desfacerse de Medo. Por iso escribe esta historia, así vaille ser máis fácil explicarlle á xuíza por que ten o brazo fóra do sitio. Sabe que a súa nai que non é muda vai estar con ela, tamén sabe o que a súa avoa lle di, ai nena, estes boleros de tanto sufrir xa non che son do teu tempo.     


Source: 2011-2013

You Might Also Like

No Comments

Leave a Reply