2012

Manifesto do Consello Municipal da Muller de Vigo

Marzo 16, 2012

Texto íntegro do Manifesto aprobado polo Consello Municipal da Muller de Vigo con gallo do Día Internacional das Mulleres

Este ano o Consello Municipal da Muller de Vigo, como organismo unitario no que ten representación o conxunto do movemento feminista e de mulleres desta cidade, convocamos esta manifestación do 8 de marzo Día internacional das mulleres baixo o lema “Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo”.
Esforzámonos para que:
A manifestación do 8 -e os actos vinculados a esta efeméride- reflectisen as accións que vimos desenvolvendo as 23 organizacións de mulleres que integramos o Consello Municipal da Muller, dende hai xa case 20 anos.
Para que hoxe o protagonismo fose en exclusiva das mulleres, das súas organizacións e das súas reivindicacións.
Para que a única simboloxía visíbel nesta manifestación fose a feminista; que a cor lila, a cor que nos identifica, tinguise as rúas da nosa cidade, porque aínda que todos os días debemos ter presente a loita pola Igualdade, neste 8 de marzo, Día internacional das mulleres lembremos o esforzo de todas as mulleres: das pioneiras, porque sen elas, e sen as súas loitas non teriamos conquerido os dereitos que hoxe aproveitamos, asumindo o papel tan importante que desenvolveron no avance social, económico, cultural e político.
Lembramos tamén hoxe a todas mulleres que seguen loitando dunha maneira anónima -individual ou colectivamente- co seu traballo, coa  súa sabedoría e coa sua rebeldía, e que se comprometen con que esta sociedade sexa cada día máis igualitaria e polo tanto máis democrática.
 
Hoxe temos diante de nós un panorama moi preocupante. A crise estrutural do sistema, e os que nos situaron ao borde do colapso, pretenden agora sacarnos del cargando sobre as costas das persoas máis desfavorecidas o custo da súa avaricia.
 
Encamíñannos cara a un futuro onde as desigualdades cada vez son máis profundas. Unha parte moi importante da pobación vive en situación de pobreza e as mulleres especialmente.
A reforma laboral e das pensións son lexislacións inxustas e androcéntricas, xa que toman o varón como modelo universal,  pero entre mulleres e homes segue a existir un inmenso desfase en canto aos dereitos.
As diferenzas salariais entre mulleres e homes  persisten, situándose nun 22%; temos unha maior taxa de temporalidade e unha inserción máis tardía no mercado laboral, realizamos cada vez máis traballos na economía sumerxida, sumado ao non reparto das tarefas do fogar e a feminización do coidado de fillas e fillos e de persoas dependentes. Todo isto afecta de maneira directa ao tempo de cotización e a unha menor contía das pensións, o que dificultará o direito a cobrar o 100% das prestacións mesmo traballando ata os 67 anos.
Insistimos para que neste contexto de crise, precariedade e desigualdade, a verba austeridade non sexa empregada como  escusa e ferramenta perfeita para recortar dereitos.
Porque nestes últimos tempos, independentemente da cor dos gobernos, fomos padecendo:
-Recortes nos orzamentos adicados á igualdade e á conciliación da vida familiar e laboral.
-Eliminouse o Servizo Galego de Igualdade e o Ministerio de Igualdade,… .
Pero toda esta austeridade non é homoxénea porque, por outra banda, florecen con cargo a orzamentos públicos, organizacións privadas con ánimo de lucro que revitalizan as ideas de beneficencia e caridade como modelo de proteción social.
Leis como a protagonizada pola organización “red Madre” e a Lei de familia que socavan as conquistas acadadas pola loita feminista nos dereitos das mulleres, porque coa súa ideoloxía retrógrada, recuperan a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital das mulleres, impoñendo o control sobre a súa vida sexual e, a fin de contas, negando a liberdade de elección das mulleres.
Entendemos que a reforma da Lei do aborto supón un banzo máis no retroceso na igualdade de xénero, ao non recoñecerse o dereito das mulleres a decidir libremente.
Porén, non observamos unha determinante política contra o  terrorismo machista que segue sumando día a día máis mulleres asasinadas, mostra dun patriarcado brutal que en todas as facetas sociais nos segue a considerar cidadás de segunda categoría.
Non aprezamos ese compromiso serio coa cacarexada “tolerancia zero”. Queremos algo máis que xestos simbólicos para as fotos dos xornais. As institucións non se están comprometendo a aplicar os artigos que lles competen das leis de igualdade nin de violencia de xénero, contra esta lacra do machismo.
A pesar de termos sido silenciadas ao longo da nosa historia, as mulleres temos avanzado moito e demostrado a nosa competencia en todos os ámbitos: na ciencia, na cultura, na economia, no deporte, na política. Pero aínda estamos moi lonxe das esferas de poder.
Mais o avance da nosa consciencia cidadá, o empeño na nosa autoorganización e consciencia feminista, para estender os nosos éxitos ao conxunto da cidadanía, ESE é o verdadeiro éxito do noso movemento. E os progresos do movemento son imparábeis, imparábeis porque desde o século XVIII, en que as primeiras  ilustradas avogaban pola igualdade de dereitos, conseguimos moito, pero aínda nos queda moito por conquistar.
Hoxe é un día de celebración para as organizacións de mulleres, pero tamén para que todo o pobo entenda que as sociedades máis democráticas son as sociedades máis igualitarias. 
Para recordar isto, as organizacións de mulleres, as organizacións feministas seguiremos traballando unidas, como conciencia social, para non dar nin un só paso atrás nos dereitos xa conquistados, porque é unha cuestión de xustiza social.
O feminismo é a clave desta xustiza social, hoxe máis necesario ca nunca.
Por iso desde o Consello Municipal da Muller de Vigo eliximos este lema: Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo.
Viva o 8 de marzo, viva a loita das mulleres.

Source: 2011-2013

You Might Also Like

No Comments

Leave a Reply