Menu
2011

A sociedade é complice dos asasinatos machistas se non condena tamén condutas discriminatorias, vexacións, desprezos e faltas de respecto ás mulleres

Comunicado da rede feminista Marcha Mundial das Mulleres lido hoxe pola tarde na concentración fronte ao MARCO contra a Violencia de Xénero

Hoxe atopámonos aquí reunidas para repudiar o asasinato de Cristina González Sacau. Unha muller nova, de 39 anos, chea de vitalidade e con dous fillos que agora deixa orfos.
O crime non foi no metro dunha cidade perigosa de Estados Unidos, nin nas caóticas rúas de México DF. Como case sempre que unha muller é asesinada, foi na súa casa, en Coruxo, na parroquia onde vivía. O asasinato non foi por un axuste de contas entre narcotraficantes, nin durante un atraco levado a cabo por unha banda do Leste, nin durante un enfrontamento entre bandas latinas. Foi, como case sempre, un crime machista; como case sempre, o perigo viu da man dunha das persoas máis próximas, o seu marido ata hai uns meses. Non foi un perigoso sicario, senón un carpinteiro, Francisco, que levaba unha vida “normal”, que non era percibido polos veciños, e pode que nin sequera por Cristina, como unha ameaza. Seguía pasando por casa a pesar da separación, seguía mirando aos nenos…
Cristina nunca o denunciara por malos tratos, pero era Francisco un maltratador? Ninguén diría dun etarra despois de cometer un asasinato que non era un terrorista, ou que foi un momento de ofuscación. Todo o mundo pensaría que o asasinato foi consecuencia dunha ideoloxía. No entanto, nos crimes por violencia machista –se non é demasiado evidente o maltrato continuado, e se non hai denuncias previas – comeza a desligarse o crime da ideología que o provoca.
Analízase caso por caso, individualmente, buscando desesperadamente a orixe dese “arrebato”. Todo para non ter que recoñecer que os crimes son a consecuencia dunha sociedade machista na que existe, pese aos avances acadados nas últimas décadas en prol da igualdade de xénero, un desfase brutal entre a necesidade das mulleres de decidir por se mesmas e a incomprensión masculina ante a perda do poder. É máis doado pensar que foi un “calentón” que  asumir que é a consecuencia dunha mentalidade machista, dunha forma perversa de entender a relación entre homes e mulleres, non só nas parellas máis vellas senón tamén en parellas novas e adolescentes.
Francisco erixiuse como titular do dereito de propiedade sobre Cristina, e como tal propietario, decidiu arrebatarlle a vida. Non coñecíamos a Francisco antes do crime. Non sabemos se poderíamos telo identificado previamente como un maltratador. Hai tanto machismo na realidade cotián, tanto maltrato subliminal, que nin sequera o percibimos como maltrato; e se o percibimos, convivimos con el sen que nos asuste; asumimos unha dose cotiá de machismo que case nos inmuniza. Tratamos de que nos afecte o menos posible, porque a batalla diaria e cotiá é esgotadora.
As mulleres deixamos de “dar a vara” moitas veces para non parecer o “Pepito Grillo” feminista; por non andar sempre enfadadas polo que algúns denominan tonterías; por non ser acusadas de falta de sentido do humor ante as gracietas e bromas machistas; por non parecer que levamos a vara de medir as desigualdades entre os nosos complementos…
Os homes deixan de loitar contra o machismo moitas veces por non deixar en evidencia a un “colega”; por non rachar esa solidariedade de xénero entre homes; por non parecer os aliados dunha causa que pode debilitar o seu poder; porque pensan moitas veces que “non é un problema deles”.
Pero un día ese machismo sobrepasa o límite, sae á superficie e vemos as peores consecuencias. Un día tras outro o machismo mata, e a sociedade ten que asumir a súa complicidade nestes crimes. Non vale encollerse de ombros e pensar que non se puido facer nada porque a vítima non o denunciou; culpabilizándoa en certa medida.
A responsabilidade do Estado, das institucións, da clase política, non é menor por moito que se escuden en que a vítima non tiña ningunha denuncia nin orde de alonxamento. Son reponsables por crear leis baleiras de contidos económicos que permitan poñer en práctica os protocolos recollidos nas mesmas. Responsables por aproveitar a crise para desmantelar programas e servizos a prol da igualdade; para eliminar ou recortar servizos sociais importantes para as mulleres vítimas da violencia machista; para reducir os orzamentos en educación, piar básico para concienciar e traballar en prol da igualdade entre homes e mulleres, etc. etc.
A denuncia, desafortunadamente, tampouco garante a seguridade das vítimas. A Policía, a Xustiza, as institucións, non son quen de poñer todos os recursos necesarios para facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están sufrindo. Pero non nos enganemos. Nin as leis nin os tribunais poden solucionar todo. Non daríamos abasto para denunciar, xulgar e castigar nos tribunais tantas pequenas e grandes agresións. A Xustiza non pode xulgar todos os comportamentos, as predisposicións, os valores e as actitudes machistas, pero a sociedade si. E é a sociedade quen ten que comprometerse nesta loita contra a violencia machista. Non vale con moverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.
Todas as persoas que estamos aquí hoxe, e moitas que non están, condenamos este acto pola súa brutalidade e fatal desenlace; pero temos que ser conscientes de que a este tipo de accións sempre lle acompañan condutas que igualmente teñen que ser condenadas dun xeito unánime e sen fisuras por toda a sociedade.
Condutas discriminatorias, vexacións, desprezos, maltrato psicolóxico, falta de respecto, insultos, abusos… son síntomas desta mesma violencia que hoxe temos que lamentar coa súa faciana máis amarga, na morte de Cristina González Sacau. Temos que ter intolerancia total ante as desigualdades, debémosllo a Cristina e a todas as mulleres mortas por causa da violencia de xénero, debémosllo a todas as mulleres, á nosa sociedade, ás futuras xeracións e a nós mesmas para poder vivir con dignidade e con respecto a nosa natureza: somos mulleres e non é xusto morrer por selo.
Hoxe só quedan lamentos, pero tamén hoxe é un día para a esperanza de que Cristina González sexa a última asasinada por cuestións de xénero. É traballo de todas e todos que así sexa, e así debemos camiñar na nosa vida privada e pública, condenando as condutas machistas e esixindo ás administracións a súa responsabilidade social e xurídica para garantir a cobertura necesaria ás vítimas de maltrato e así, entre todas, asegurar o fin dos asasinatos.
Debémoslle a Cristina, e a cada unha das outras mulleres asesinadas, agredidas, violadas, humilladas, e ás fillas e fillos desas mulleres o noso compromiso firme e decidido contra a Violencia de Xénero.
ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS.
O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.
(E agora vamos gardar un minuto de silencio en memoria de Cristina).

Source: 2011-2013

Sen comentarios

    Deixe unha resposta