2011

Descubrindo a historia de Vigo polo seu I Roteiro en Feminino

Decembro 20, 2011
Participantes no percorrido polo I Roteiro en Feminino, na rúa Real. © Foto: Víctor Acuña.
Fixemos o pasado sábado o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres” promovido por Mulheres Nacionalistas Galegas co obxectivo de visibilizar as mulleres que, individual ou colectivamente, teceron a historia de Vigo. Leva por quince puntos de Vigo nos que, dun ou doutro xeito, as mulleres deixaron a súa pegada e a súa contribución á identidade de Vigo, aínda que a propia historia da cidade as teña silenciadas.
Percorre quince puntos, algúns deles espazos emblemáticos da cidade nos que pervive a memoria dos traballos das mulleres, ocupadas tanto facendo a colada nos lavadoiros públicos como trenzando cestas de vimbio, vendendo peixe na ribeira ou excedentes agrícolas nas prazas do centro histórico.
E, entre eles, espazos que son froito das reivindicacións e do traballo máis recente do movemento feminista de Vigo; lugares que recuperan a memoria de mulleres víctimas da represión franquista; de pedagogas que defenderon os dereitos das mulleres e impulsaron a súa educación, e lugares de creación artística e literaria, como foi a imprenta onde se imprimiu en 1863 “Cantares gallegos”, da poeta nacional Rosalía de Castro.
Rúa das Cesteiras. © Foto: Víctor Acuña.
Lavadoiro comunal A Barroca (rúa Poboadores). © Foto: Víctor Acuña.


Tras o seu percorrido, guiado por María Casar, o I Roteiro en Feminino foi presentado no Museo de Arte Contemporánea (Marco) nun acto que contou coa presenza de mulleres que colaboraron coas testemuñas das súas vivencias persoais no traballo de campo do Roteiro, así como de familiares das mulleres que nel se lembran.



De esquerda a dereita: a coordinadora do I Roteiro en Feminino, María Casar; a concelleira de Iguladade, Chus Lago, e a representante de Mulheres Nacionalistas Galegas, Luisa Ocampo. © Foto: Víctor Acuña.
O desexo de Mulheres Nacionalistas Galegas é que o Roteiro sexa convenientemente sinalizado e forme parte dos itinerarios por Vigo, e así llelo expresou neste acto á concelleira de Igualdade, Chus Lago.
Transcribimos aquí as palabras de María Casar porque son a mellor xustificación do valor histórico e cultural que ten este roteiro con ollada de muller:

“Cos nosos ollares queremos mergullarnos noutras vivencias, noutro tempo e noutros xeitos de vivir e de traballar e neste roteiro viaxamos aos sons dun Vigo que medrou coa forza, co valor, co compromiso, coa solidariedade e a valentía das mulleres que fixeron do seu labor unha achega ao desenvolvemento social, económico, ideolóxico e cultural da cidade de Vigo conformando o seu ser.
Dende o compromiso políico, dende o traballo nas conserveiras e na ribeira do Berbés. Coas mans estragadas polo xeo e as galernas cavando angurias no corazón á espera dos que foran ao mar. Dende a pedagoxía alentadora e a medicina que medraba na vonade férrea e feminina aos murmurios e cantigas nos lavadoiros comunais e nos mercados. Dende os recunchos do traballo das cesteiras para encher de patelas as mans das carrexonas e os risos cómplices das ostreiras ás bágoas de sal das que emigraban e daquelas que vían dende a Estación Marítima alonxarse aos seus nun ronsel que desangrou a un país que afogaba en suores baixo soles alleos. Dende a cruenta represión franquista daquelas que loitaron pola liberdade nas rúas da cidade, nos sindicatos e na vangarda cultural e mesmo nas barricadas da resistencia ou dende os versos da nosa poeta nacional que viron a luz na imprenta de Compañel até o traballo construtivo das mestras e pedagogas que soñaron unha educación que aínda hoxe é soño de futuro. Dende a vontade de SER e de CONSTRUÍR a sociedade as mulleres ás que dedicamos este roteiro son a voz, o riso, o berro seco e a ollada que nos guía a todas e todos na construción dun mundo máis xusto e solidario.
Os sons do devalo dos nosos pasos perseguindo o eco das súas voces, dos seus risos e choros, da súa voz clara e segura medran en nós para afortalar o futuro fronte ao esquecemento”.
Aspecto do Salón de Actos do Marco, na presentación do I Roteiro en Feminino. © Víctor Acuña.







Máis fotografías en:

http://www.flickr.com/photos/feminismo/sets/72157628472793805/

Source: 2011-2013

You Might Also Like

No Comments

Leave a Reply