2011

Roteiro en Feminino para visibilizar as mulleres protagonistas da historia de Vigo

Decembro 7, 2011

Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) inaugura o sábado, día 17 de decembro, en Vigo, o I Roteiro en Feminino “Sons de Mulleres”, co obxectivo de rendir unha homenaxe a todas as mulleres que individual ou colectivamente foron protagonistas e pioneiras, co seu traballo, a súa sabiduría, a súa rebeldía…
“Elas foron quen de ir abrindo o camiño para todas nós,  tecendo a historia de Vigo, unha historia que silencia en xeral  o gran labor das mulleres. É  de xustiza, por iso, facer este recoñecemento para que a memoria e a historia dean o protagonismo que corresponde ás mulleres”.
O Roteiro descurre por quince puntos da cidade cos que MNG quere visibilizar as mulleres e acadar que “a cidade de Vigo poña en valor a igualdade tan necesaria para construir unha sociedade democrática”, e comezará de xeito guiado ás 11:00 h. na Praza 8 de Marzo, inaugurada en 2002 como un lugar para a reflexión lúdica e reivindicativa da situación actual das mulleres e un espazo integrador paa a mostra de propostas “cre-activas”.
Descurre pola Casa das Mulleres (Rúa Romil, 20), reivindicación histórica do feminismo e realidade desde 2002, un espazo “onde todas somos nós”; o lavadoiro A barroca (Poboadores); a Praza da Ribeira do Berbés, a imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12) onde se  imprimiu en 1863 “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro; a Estación Marítima, como testemuña da emigración, un éxodo que afectou por igual a homes e mulleres a comezos do século XX; as rúas Pescadería e Cesteiras, enclaves tradicionais de traballos das mulleres; o Mercado da Praza da Constitución; ou o Centro de Documentación e Recursos Feministas (Biblioteca Central).
O Roteiro continúa despois pola rúa do Príncipe, con dúas paradas (no Círculo Mercantil e no Marco, antiga cadea de Vigo) nas que se lembra a dúas vítimas do fascismo. A primeira, Rosario Hernández Diéguez, “A Calesa” (Vigo, 1916-1936), afiliada á UGT e vendedora de xornais na rúa do Príncipe, que foi violada, torturada, mutilada e asasinada nun cuartel da Falanxe, e despois fondeada preto das Cíes baixo unha prancha de ferro. E a segunda, Urania Mella Marco (Vigo, 1900- Lugo, 1945), presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo, alfabetizadora e mestra de piano, que foi detida co seu home pola súa traxectoria progresista e a súa tarefa sociopolítica, e condenada a morte, igual ca el. A ela foille conmutada a pena por doce anos de cárcere, e morreu un mes despois de recupear a súa liberdade.
Logo dunha parada no Espazo contra a Violencia de Xénero (rúa Ronda don Bosco) onde se sitúa un marcador electrónico que sinala o número de mulleres asasinadas durante o ano en España polas súas parellas ou exparellas, o Roteiro remata na rúa Concepción Arenal, 6, cunha lembranza ás pedagogas e educadoras Concepción Arenal (Ferrol 1820-Vigo, 1893), Ernestina Oero Sestelo (Redondela 1890-1956) e Antía Cal (La Habana, 1923).

Source: 2011-2013

You Might Also Like

No Comments

Leave a Reply